13 sept 2008

Feira Franca de Pontevedra 2008

Como en anteriores ocasións, o lugar de encontro foi o Pavillón de Deportes de Pontevedra ás 10:00 da mañá. Dende alí partimos a pé cara a Praza da Ferraría, parando xa polo camiño para tomar o primeiro café e tomar forzas para o longo día que nos agardaba.

Ao chegar á Praza, por mor da afluencia de tanta xente e que cada un comezou a tomar fotos dos diferentes postos medievais e da xente vestida da época, xa comezamos a desperdigarnos, sendo necesario establecer uns puntos de encontro para non perdernos demasiado.

Puntualmente ás 12:00 da mañá comezou o famoso transporte do viño, acompañado en todo momento por un gran desfile de campesiños, bufóns, xigantes e dragóns que entretiñan a xente votando lume e mollando a todo aquel que se poñía diante. Os tambores e as gaitas non cesaron perante todo o percorrido.

De seguido deixamos que os nosos compañeiros fotografasen a pracer as demostracións dos oficios máis tradicionais, os diferentes postos de venta e a gran cantidade de xente vestida de época para a ocasión.

Fotos Roberto de la Torre

As 14:00 xuntámonos nas portas do Concello para xantar. Mentres uns decidiron a comodidade dun restaurante para repoñer novamente forzas, outros quedaron na festa, comendo os típicos chourizos que repiten ata o día seguinte, baixo a sombra dunha árbore. Menos mal que a deliciosa sobremesa, as tortas de piña e mazá e as canas de crema, diminuíron o efecto do chourizo.

Despois dun novo café dirixímonos a Praza de Toros onde tiñamos unha colaboración fotográfica coa empresa (Legend Especialistas) encargada do espectáculo do Torneo Medieval. Grazas a esta alianza, fixemos as fotografías dentro do recinto taurino ao mesmo nivel que os cabaleiros e os seus escudeiros.
Toda unha demostración de xogos de habilidade e da mestría coas armas medievais: o testaferro, o combate coa lancha, enfrontamentos con espadas, etc, unha verdadeira posta en escena para o deleite do público.
Ao finalizar o espectáculo os cabaleiros posaron para nós un intre, antes de comezar o segundo torneo.

De volta o lugar de encontro vimos que o ambiente polas rúas estaba moito máis animado (será cousa do bo viño), polo que as gaitas e os tambores soaban con máis forza e a xente non cesaba de brincar e bailar. Facíase xa noite, pero o ánimo era tal, que algúns de nós non puidemos resistir a tentación de mimetizarnos có entorno e finalizar o día cun bo viño.

Os nosos agradecementos a D. Luís Leal, o cabaleiro negro, máis todo o seu equipo pola súa colaboración, así como a os nosos socios Xoán arco da vella e Xandro pola súa organización.

29 ago 2008

Convocatoria Feira Franca de Pontevedra

O próximo sábado, 6 de setembro, ás 10:00 a.m. teremos como lugar de encontro o Pavillón de Deportes de Pontevedra, lugar onde poderemos deixar os vehículos para partir dende alí ata o centro da cidade a pé.

A esas horas xa poderemos comezar a fotografar os diferentes postos de venda e de exposición do mercado medieval, situados ao longo das rúas.

As 12:00 da mañá temos a primeira cita importante que non é outra que o Desfile do transporte do viño, cuxa saída é nos arredores do Convento de Santa Clara e chegará ata a Praza da Ferraría.

Durante toda a xornada haberá actuacións musicais e teatrais nas diferentes prazas, así como demostracións dos oficios máis tradicionais, exhibición de cetrería, entre outras actividades.

Ás 14:00 aproveitaremos para xantar na zoa do Concello, mercando a comida máis as bebidas nos propios postos de venda.

Estamos en conversación co Concello de Pontevedra para tratar de conseguir unha serie de acreditacións para ter un pouco de liberdade a hora de acceder e fotografar no Torneo Medieval, que se realizará entre as 17:30 e as 20:00.

Nota: haberá socios e simpatizantes da Asociación disfrazados de época, polo que cada un é libre de acompañalos na festa ou ben ir vestido con roupa cotidián.
NOTA IMPORTANTE DE ÚLTIMA HORA:

Grazas a colaboración có Concello de Pontevedra e a empresa organizadora “Legend Especialistas”, todos os fasganos que o desexen, poderán optar a unhas acreditacións que permitirán ter un acceso sinxelo á Praza de toros onde se celebrará o torneo medieval, así como para poder situarse en zoas non permitidas ó público en xeral. Será imprescindible ir vestido de época, para o cal, a empresa organizadora nos facilitará as vestimentas oportunas. Ata poderemos facer retratos dos cabaleiros, que posarán gustosamente para nós.

Haberá que seguir tamén as normas establecidas polo rexedor, para non prexudicar a seguridade do evento.

A cambio, Fasgana comprométese a facilitar a cesión (non propiedade) das fotografías que a empresa organizadora considere oportunas, facendo sempre constar a titularidade do autor. Dita empresa fará mención da nosa Asociación na súa páxina web http://www.legendespecialistas.com/ e nos dará de alta no seu foro, onde soen acudir entidades relacionadas coa imaxe, tanto públicas como privadas, pero xa de cara a establecer algún tipo de relación comercial coa Asociación ou con algún socio en particular.


Para máis información ide aquí
Mapa do lugar de encontro
Xa podes consultar as bases do Concurso Fotográfico no apartado de "Concursos" do foro da Asociación.

27 ago 2008

Actividade no Baixo Miño con Anabam

O pasado día 20 de Xullo, os nosos compañeiros de ANABAM recibíronnos na súa sede de A Guarda (Pontevedra) ás 10:30 da mañá. Nese intre, o seu presidente Agustín entregounos unha serie de publicacións e máis un DVD, editados por eles mesmos, dos diferentes proxectos que están a realizar.


Dende alí partimos cara os Muíños Do Folón (O Rosal), onde percorremos un agradable sendeiro ao longo dun regato e cuxo último tramo esixe un derradeiro esforzo, xa que hai que subir unha boa pendente ¡que ven sentaron eses semichapuzóns! Bágoa que non houbera máis auga, xa que hai unha bonita fervenza na cúspide. Perante todo o traxecto os biólogos do equipo e máis Suso Requejo de ANABAM foron explicando as particularidades da flora, dos insectos, bolboretas, aves e demais especies que atopábamos. Xantamos ao regreso desta ruta e descansamos un intre na sombra, acompañados por un oportuno café por cortesía do noso socio Antonio Vidal. O tempo acompañou, aínda que a luz era xa moi dura. A última hora e en primavera convértese nun lugar máxico.
A continuación desprazámonos ó alto de A Valga en plena Serra da Groba (Oia), onde percorremos varios quilómetros levantando pedras e “cazando” bolboretas da man de Suso Requejo, que nos ensinou todos os secretos das mesmas. Nesta zoa bastante plana, cada quen fotografou o que máis lle chamaba a atención. Rematamos a visita ás 20:00, bastante cansados, pero totalmente satisfeitos por todo o que aprendemos e pola compañía destas estupendas persoas, que estiveron en todo momento moi pendentes de todos nos para que disfrutásemos da actividade. Tal foi a satisfacción entre ámbalas partes, que acordamos entablar conversacións para futuras colaboracións entre ambas Asociacións.

Antonio Vidal, Suso, Agustín, Laura, Antonio Martín, Magaly, Luis, Peque y Xandro.

Fotos Xandro Barberena


Xá para rematar, citar unha anécdota moi interesante para o proxecto Lepi-Atlas que o mesmo Suso Requejo dirixe, xa que atopamos unha das bolboretas máis raras de Galicia, a maculinea alcon, unha nova especie para o Baixo Miño. Tedes máis información no seguinte enlace http://www.anabam.org/BOLBORETAS%20BAIXO%20MINO.html

3 jul 2008

Actividade en Cedeira - Rapa das bestas

O pasado venres, 27 de xuño, despois de xuntarnos no hotel “Vila de Cedeira”, realizamos un pequeno paseo turístico e gastronómico pola propia vila de Cedeira, e rematamos a noite na zoa do curro, onde gozamos dun concerto de música rock-folk e, por suposto, dunha boa queimada. Xa ben entrada a noite, algúns foron a realizar fotografía nocturna nos acantilados de “A Capelada”, mentres que o resto xa se retirou cara ó hotel.


Fotos Marcos Rodríguez e Juanma Tojeiro

Á mañá do día seguinte acompañamos os gandeiros ao monte na guía dos cabalos de cara ó curro, chegando ao mesmo xusto antes de xantar. Unha vez alí, lévanse os cabalos a unha parcela anexa ó curro. Xa despois do almorzo, desprazámonos para ver a desparasitación dos animais. Entrada a tarde, realizamos unha ruta polos lugares máis característicos de “A Capelada”, pero por mor da néboa, soamente visitamos os restos dunha vella explotación mineira e San Andrés de Teixido, cuxos acantilados son os máis altos de toda Europa Continental, cunha altura de máis de 600 metros sobre o nivel do mar. A noite gozamos novamente da verbena ata case o amencer.





O domingo foi o gran día do curro, día no que ten lugar a verdadeira rapa e unha carreira de relevos de cabalos.





Temos que destacar desta actividade o coñecemento de todo o traballo que realizan os gandeiros, así como a organización dos mesmos, xa que non só é importante o mesmo día da rapa (día no que acude a gran maioría da xente), senón que tamén os días anteriores teñen a súa importancia na realización do evento e que pouco se sabe deles. Agora xa sabemos algo máis da verdadeira historia dos curros, dende o principio ata o final.
Xa para finalizar, queremos mostrar o noso agradecemento á Asociación de Gandeiros “Pena Toxosa”, ó Concello de Cedeira polo seu esforzo e colaboración, e sobre todo ao noso socio Juanma Tojeiro por todo o seu esforzo.

30 may 2008

Rapa das Bestas 2008 (27, 28 e 29 de xuño)

Gracias á colaboración de Juanma Tojeiro e a asociación de gandeiros da zoa, Fasgana organiza unha xuntanza na Serra da Capelada para facer unha reportaxe sobre a Rapa das Bestas. Captura de cabalos no monte, desparasitación, baixada ó curro, rapa, marcaxe, como viven ese día os habitantes da zoa, etc.
O fin desta reportaxe será editar un libro coas mellores imaxes deses días que en principio se encargaría o Concello de Cedeira, así como o aloxamento para os membros de Fasgana. Informaremos máis polo miudo cando esté pechado este acordo.

O participar como invitados na festa implica a cesión de imaxes para esa publicación, eso si, sen perder os dereitos das mesmas, as imaxes cederianse para un único uso, pero seguirían sendo do seu autor.

Xa sabes, o venres 27, sábado 28 e domingo 29 de xuño fai unha escapada á Serra da Capelada a vivir de preto esta ancestral tradición.

Xuntanza "Macrera" 20 DE XULIO

O próximo 20 de xulio disrutaremos de unha xornada científica dirixida por entomólogos e naturalistas galegos, (entre eles Jesús Requejo) na zoa do Baixo Miño, en un dos parques naturais máis importantes de Galicia. Posiblemente se dividirá o día en dúas zoas, humedais de montaña e costa.
Teremos a oportunidade de coñecer mais de preto o labor que está a desempeñar Anabam e o mesmo tempo a ter máis coñecemento do medi en que nos movemos.
A comida: bocatas que cada quen terá que levar o seu.

Colaboraremos conxuntamente nesta xuntanza, Fasgana e Anabam, ( Asociación Naturalista "Baixo Miño").

¡¡ESPERÁMOSTE!!

6 may 2008

Ruta dos muiños de Taramundi (Asturias) Outro encontro levado a cabo

O pasado 23 de Abril, xuntámonos de novo en Taramundi, 28 persoas dispostas a fotografar todo o que se movese.
A cousa empezou ben, xa que facía un día boísimo. Despois dos saúdos de rigor e capitaneados por Manuel Balea comezamos un percorrido por ese entorno tan especial onde a auga e a verdadeira protagonista da vida de esas vilas.
A primeira visita foi a “MAZONOVO” un lugar cheo de muíños e de norias de madeira cos que aproveitaban os recursos naturais que ofrecía o río para facilitar a vida nesa aldea. O conxunto esta magníficamente conservado, e camiñando ata a presa do río atopamos una preciosa caída de auga que fixo as nosas delicias.
De seguido acercámonos ata ESQUIOS , onde un ferreiro nos amosou a fabricación artesán das típicas navallas e coitelo de esa zona.
Nese mesmo lugar atopase un incrible museo no que sen dubida moitos de nos pasariamos a gusto unha semana. Máquinas de coser, fotográficas, de liar cigarriños, de escribir (algunhas de punzón, con solo dúas teclas), navallas, radios de mais de 50 anos, apeiros de labranza , balanzas romanas feitas polos ferreiros , xoguetes (unha bicicleta toda de madeira) en fin… todo tipo de ferramentas e cachivaches que se podan imaxinar e algúns mais….

Cando Balea logrou arrincarnos de alí visitamos o conxunto etnográfico dos Teixois un verdadeiro ejemplo de como aproveitar ó máximo a auga do rio , permitindo que esa aldea se autoabastecese.
Muíños de cereal. Produción de electricidade, muíño hidráulico para afiar ferramentas, e una impresionante forxa na que preparaban o aceiro para que os pequenos artesáns traballaran despois, fóronse descubrindo para nos nun perfecto estado de conservación e funcionamento
Fixemos moitas fotos, pero tamén vimos como de forma rudimentaria pero eficaz se foron desenvolvendo os inxenios mecánicos que hoxe nos fan a vida mais cómoda.

Xa iamos pilladísimos de tempo,porque había moito que ver, así que, coma sempre, chegamos tarde a comer.
O lugar era un verdadeiro remanso de paz, no que enchemos a barriga e repuxemos forzas.
Pola tarde fomos hasta outro pobo chamado Bres onde fixeron un museo dedicado a auga e o seu aproveitamento.Recóllense alí maquetas de todos os mecanismos que viramos ó longo do dia e algunhas cousas mais como varios modelos de clepsidras (inxeniosos mecanismos para poder medir o tempo po las noites cando non era posible facelo polo sol) .

Despois xa de volta aínda houbo tempo de facer uns macros nun lugar onde nos informaran que había unha variedade de orquídeas… facer a foto de grupo… tomar unha cervexa… e emprender a volta os que non se quedaban a durmir.
Os que quedamos continuamos co cachondeo na recepción do hotel, onde casi toleamos á recepcionista e despois durante a cea na que demos conta dunha morea de botelliñas de sidra do pais. ( A Antonio Martín vicióuselle o dedo no chisme de tirala, e non dábamos bebido a velocidade que a escanciaba)
A volta fixémola por Ribadeo facendo unha parada na Praia das Catedrais con marea baixa, pero coma sempre imposible para facer fotos pola cantidade de xente que por alí había
Foi unha estupenda fin de semana .
Dende aquí queremos dar as grazas a Manuel Balea por a súa organización e esforzo para que todo saíra tan ben.
Mencións especiais tamén para os novos asociados e simpatizantes:

Victor e Javier Pita, e os nenos Alex e Rodri, que sen dúbida serán os Fasganos do futuro.

¡¡¡Vémonos na próxima!!!!

9 abr 2008

26 de abril. Ruta dos muiños de Taramundi (Asturias)

O próximo 26 de abril animámosvos e invitámosvos a participar nun novo encontro que a asociación organiza. Será en terras asturianas, Taramundi. Visitaremos e fotografaremos o seu ámbito.
As 11:00h da mañá xuntarémonos no bar “Pantaramundi”. Un bar que non ter perda xa que é moi visible e está no centro do pobo.
A partires de aí e ó longo do día visitaremos os *conxuntos etnográficos de: "mazonovo", onde os entusiastas das fervenzas poderán deleitarse. E o de Teixóis.


Sobre as 14:30 faremos un alto para o xantar, que será nunha casa rural na aldea de "Ás veigas". Única casa habitada desa aldea. (15€ persoa, aprox.)


Logo do xantar faremos unha visita a dita aldea.
Sobre as 6 a tarde tomaremos rumbo a Bres donde visitaremos á "casa da auga". Durante o percorrido e ata chegar a Bres podremos disfrutar de unha ruta paisaxística pasando polas aldeas de Santamarina, Teixo e Cabaza.

Sobre as 8 da tarde está previsto o regreso a Taramundi e despedidas.
Hai posibilidade de pernoctar en Taramundi, xa que é unha boa excusa para disfrutar das súas casas ruráis, pioneiras do turismo rural en España. Para eso terás que comunicalo antes do mércores día 23 de abril, no correo: fasgana@fasgana.org

Para máis información e máis detallada podes visitar o noso foro: http://fasgana.org/foro/viewtopic.php?f=6&t=201

* Nota: Todos os sitios que visitaremos son privados e cobran 1,50 € por persoa, indo en grupo.

Sen dúbida é un encontro co moito atractivo fotográfico e cultural. Esperamos verte!

Encontro levado a cabo: Castelo de Soutomaior e Illa de San Simón

Un encontro diferente, especial e sobre todo inolvidable.
Así se podería resumir este encontro. Celebrado o pasado día 5 de abril e organizado por FASGANA no Castelo de Soutomaior e Enseada de San Simón.
Comezamos a mañá visitando o Monte da Peneda, o cal goza de unhas excelentes vistas sobre a ría de Vigo.
O sol estaba contratado para todo o día e non nos fallou. Despois de algunhas fotos i moitas charlas entre nós tomamos dirección ó Castelo de Soutomaior. (Ninguén presaxiaba o que estaba por acontecer).
Decidiuse comezar polos xardíns exteriores ó Castelo, que co sol de xustiza que había invitaban a tombarse entre flores e bolboretas, tapados por a magnífica sombra de secuoyas centenarias.
Os máis traballadores sacaron bo partido de fontes, estanques, árbores, flores e todo canto se poida imaxinar dentro de un xardín de luxo á nosa disposición.
Hora do xantar! (e seguíamos sen presaxiar o que nos deparaba aquela tarde)
Apetitosos entrantes, do máis sofisticados con un segundo prato delicioso.
Despois do momento de relax e intercambio de trucos fotográficos chega o momento de visitar o interior do castelo. Uns por aquí… outros por alá… todos ben equipados intentando conseguir a mellor instantánea.
O patio de armas do castelo o estaban decorando para unha voda, cando de repente alguén da a voz de alarma:
- Ehh que chega o noivo!
Nada máis e nada menos fai a súa aparición o noivo nun cabalo branco, empezan a chegar os invitados , cada un máis peculiar que o anterior, unha voda fora do común que fixo as delicias de todos nós. A chegada da noiva en carruaxe foi do máis espectacular.
Non sabería describila si gótica ou medieval, ou unha mistura entre ámbalas dúas. Os persoaxes prestáronse en todo momento a colaborar coas nosas cámaras. Incluso a retratarse con algún socios. Risas e máis risas sanas e de asombro.
Damos dende aquí as gracias ó que bautizamos como “o profeta” pola súa simpatía, paciencia e dedicación para con nós.
Quedará o momento nas nosas mentes para toda a vida.


Seguimos ruta, como estaba previsto, rumbo a Enseada de San Simón.
Inda que a posta de sol non foi do máis fermoso, disfrutamos facendo unhas nocturnas na praia de Cesantes e á illa de San Simón.


Mención tamén para os novos simpatizantes;

Carlos, Ramón, Amador, Sito e Benito. Esperando que o pasaran ben e que teñamos dende a Asociación o pracer de volta-los a ver. E non podemos esquencer a presencia de Martín, un dos membos máis novos de FASGANA.



Foto do grupo


26 mar 2008

5 de abril. Castelo de Soutomaior e Illa de S. Simón


O dia 5 de abril, sábado, temos unha nova actividade fotográfica.
Os nosos compañeiros Lupe e Xan Arco da Vella propoñen o seguinte

PROGRAMA:

10:00h Quedamos fronte ao Pavillón dos Deportes de Pontevedra, a orillas do rio Lérez, xunto ao recinto ferial.

11:00h Estaremos no Castelo de Soutomaior e se somos puntuais poderemos subir ao monte de A Peneda e gozar dunhas fermosas vistas sobre a ría de Vigo.

14:30h-16:30h Comeremos no mesmo Castelo (Menú 20 euros)
-
17:00h Estaremos na ensenada de S. Simón dende a que se pode gozar dunha fermosa vista sobre a illa.

19:00h Se o tempo acompaña poderemos retratar a por do sol na ría.

20:30h Regreso e quedamos para Taramundi.

Esperámoste!

En fasgana@fasgana.org esperamos a túa resposta para facer a reserva no restaurante.

15 mar 2008

Fasgana en fotos

Fasgana en fotos será unha serie de vídeos con algunhas instantáneas dos nosos fotógrafos. Nelas amósase o traballo, a paixón e adicación desenvolvida por os membros do grupo. Imaxes que non pasan desapercibidas, imaxes cheas de sensibilidade e maxia, imaxes da nosa terra para o disfrute de todos.
Vídeo realizado por Juan Eladio Torres, membro de Fasgana.





II Rally Fotográfico Costa da Morte

Como estaba previsto o pasado 8 de marzo levouse a cabo o II Rally Fotográfico Costa da Morte. E tamén estaba previsto que fora todo un éxito; en organización, asistencia, compañeirismo e paraxes indiscutiblemente fermosos que son un deleite para calquera fotógrafo. E así foi.
O noso compañeiro Marcos Rodríguez foi esta vez o encargado de que todo saíra a perfección.

Ós pes do Monte Pindo fixemos a primeira parada, o Porto de Quilmas, onde nos perdemos na súa praia toda a mañá, buscando eses detalles que solo un fotógrafo sabe apreciar. Pequenas embarcacións, augas tranquilas, aperos de traballo dos mariñeiros, luces, reflexos, sombras, contrastes… ¡Todo vale!
Ó longo da mañá tivemos tamén o pracer de coñecer a dous novos amigos, Juan Louro e Salvador Darrivo , que seguro que repetirán experiencia, alomenos era o que as súas caras indicaban.


Hora do xantar, ese momento de máis contacto persoal, risas, conversas, e “segredos profesionais”. Fixémolo no pobo de Cee. E logo do pequeno e merecido descanso saímos rumbo ó noso segundo destino, Ézaro: un lugar que impón respecto pola súa beleza natural.

Terceiro e derradeiro destino do día, ver a posta de sol dende un recunc
ho da inmensa e maxustuosa praia de Carnota chamado Boca do río. E non poido ser, o sol decidiu non asistir á cita inda que nos fixo un pequeno agasallo (que todos agradecemos)


Boca do río é unha praia de unha especial area branca e fina, pero o que máis nos chamou a atención foros as súas formacións rocosas que fixeron as nosas delicias con fotografías "semi-nocturnas".

Toca retirada, unha cervexiña (como non) para unha corta despedida, bicos e caras de ledicia esperando ansiosos o seguinte encontro.
Un día máis entre compañeiros que quedará inmortalizado nas nosas instantáneas e gardado nas nosas retinas.


Grazas Marcos, grazas a todos por asistir e…

¡vémonos na seguinte!


22 feb 2008

8 de marzo. II Rally Fotográfico Costa da Morte

Despois do éxito do I Rally Fotográfico Costa da Morte que celebramos o pasado ano, e vendo os moitos currunchos que quedan por coñecer...

Fasgana convoca o II Rally Fotográfico Costa da Morte

O noso amigo Marcos, gran coñecedor da zona, propón o seguinte


PROGRAMA:

9:30h no Carrefour de Coristanco.


11:00h a 14:00h Estaremos en Quilmas no porto Vikingo (un porto natural, tal vez o único desta zona, no que poderemos atopar lanchas en ruinas, nasas, e unhas vistas impresionantes tanto das illas Lobeiras como dos carrumeiros, e incluso o pobo e o faro de Fisterra.

14:30h-16:30h Comida no restaurante Insua de Cee.

17:00h Subiremos ao monte Pindo en coche, pola parte de Quilmas. Esta é unha zona moi boa para fotografíar formacións rocosas ás que se lles poden buscar miles de parecidos.

19:00h fotografiaremos a por do sol que dende esta montaña divísase: o sol poñéndose sobre a península de Fisterra.

20:30h regreso.

Estamos seguros de que vos parecerá un magnifico plan tanto para facer fotos como para vernos de novo e pasar xuntos un estupendo día.

En fasgana@fasgana.org esperamos a vosa resposta para facer a reserva no restaurante.

20 feb 2008

FASGANA na TVG

11 feb 2008

"ASEMBLEA ORDINARIA FASGANA 2008"
15 de febreiro
Santiago de Compostela



LUGAR:
Centro sociocultural e xuvenil municipal Rúa Frei Rosendo Salvado 14-16.
15701 Santiago de Compostela. Tlfno: 981543001 (A 100 metros da Praza Roxa, hai parking subterráneo)

HORA:
1ª Convocatoria: 19.30 horas.
2ª Convocatoria: 20.00 horas.

ORDE DO DÍA:

1. Proceso de constitución da Asociación: Pasos rea
lizados e situación actual.
2. Discusión e aprobación, se procede, do calendario de actividades de FASGANA para o ano 2008.
3. Discusión e aprobación, se procede, do orzamento de FASGANA para o ano 2008.
4. Entrega de carnés de FASGANA e diplomas do curso de Photoshop
5. Rogos e Preguntas

Contamos coa túa asistencia e as ideas que queiras aportar.

Un cordial saúdo








Fotos da 1ª Asamblea









Fotos da Constitución