3 jul 2008

Actividade en Cedeira - Rapa das bestas

O pasado venres, 27 de xuño, despois de xuntarnos no hotel “Vila de Cedeira”, realizamos un pequeno paseo turístico e gastronómico pola propia vila de Cedeira, e rematamos a noite na zoa do curro, onde gozamos dun concerto de música rock-folk e, por suposto, dunha boa queimada. Xa ben entrada a noite, algúns foron a realizar fotografía nocturna nos acantilados de “A Capelada”, mentres que o resto xa se retirou cara ó hotel.


Fotos Marcos Rodríguez e Juanma Tojeiro

Á mañá do día seguinte acompañamos os gandeiros ao monte na guía dos cabalos de cara ó curro, chegando ao mesmo xusto antes de xantar. Unha vez alí, lévanse os cabalos a unha parcela anexa ó curro. Xa despois do almorzo, desprazámonos para ver a desparasitación dos animais. Entrada a tarde, realizamos unha ruta polos lugares máis característicos de “A Capelada”, pero por mor da néboa, soamente visitamos os restos dunha vella explotación mineira e San Andrés de Teixido, cuxos acantilados son os máis altos de toda Europa Continental, cunha altura de máis de 600 metros sobre o nivel do mar. A noite gozamos novamente da verbena ata case o amencer.





O domingo foi o gran día do curro, día no que ten lugar a verdadeira rapa e unha carreira de relevos de cabalos.





Temos que destacar desta actividade o coñecemento de todo o traballo que realizan os gandeiros, así como a organización dos mesmos, xa que non só é importante o mesmo día da rapa (día no que acude a gran maioría da xente), senón que tamén os días anteriores teñen a súa importancia na realización do evento e que pouco se sabe deles. Agora xa sabemos algo máis da verdadeira historia dos curros, dende o principio ata o final.
Xa para finalizar, queremos mostrar o noso agradecemento á Asociación de Gandeiros “Pena Toxosa”, ó Concello de Cedeira polo seu esforzo e colaboración, e sobre todo ao noso socio Juanma Tojeiro por todo o seu esforzo.

No hay comentarios: