13 sept 2008

Feira Franca de Pontevedra 2008

Como en anteriores ocasións, o lugar de encontro foi o Pavillón de Deportes de Pontevedra ás 10:00 da mañá. Dende alí partimos a pé cara a Praza da Ferraría, parando xa polo camiño para tomar o primeiro café e tomar forzas para o longo día que nos agardaba.

Ao chegar á Praza, por mor da afluencia de tanta xente e que cada un comezou a tomar fotos dos diferentes postos medievais e da xente vestida da época, xa comezamos a desperdigarnos, sendo necesario establecer uns puntos de encontro para non perdernos demasiado.

Puntualmente ás 12:00 da mañá comezou o famoso transporte do viño, acompañado en todo momento por un gran desfile de campesiños, bufóns, xigantes e dragóns que entretiñan a xente votando lume e mollando a todo aquel que se poñía diante. Os tambores e as gaitas non cesaron perante todo o percorrido.

De seguido deixamos que os nosos compañeiros fotografasen a pracer as demostracións dos oficios máis tradicionais, os diferentes postos de venta e a gran cantidade de xente vestida de época para a ocasión.

Fotos Roberto de la Torre

As 14:00 xuntámonos nas portas do Concello para xantar. Mentres uns decidiron a comodidade dun restaurante para repoñer novamente forzas, outros quedaron na festa, comendo os típicos chourizos que repiten ata o día seguinte, baixo a sombra dunha árbore. Menos mal que a deliciosa sobremesa, as tortas de piña e mazá e as canas de crema, diminuíron o efecto do chourizo.

Despois dun novo café dirixímonos a Praza de Toros onde tiñamos unha colaboración fotográfica coa empresa (Legend Especialistas) encargada do espectáculo do Torneo Medieval. Grazas a esta alianza, fixemos as fotografías dentro do recinto taurino ao mesmo nivel que os cabaleiros e os seus escudeiros.
Toda unha demostración de xogos de habilidade e da mestría coas armas medievais: o testaferro, o combate coa lancha, enfrontamentos con espadas, etc, unha verdadeira posta en escena para o deleite do público.
Ao finalizar o espectáculo os cabaleiros posaron para nós un intre, antes de comezar o segundo torneo.

De volta o lugar de encontro vimos que o ambiente polas rúas estaba moito máis animado (será cousa do bo viño), polo que as gaitas e os tambores soaban con máis forza e a xente non cesaba de brincar e bailar. Facíase xa noite, pero o ánimo era tal, que algúns de nós non puidemos resistir a tentación de mimetizarnos có entorno e finalizar o día cun bo viño.

Os nosos agradecementos a D. Luís Leal, o cabaleiro negro, máis todo o seu equipo pola súa colaboración, así como a os nosos socios Xoán arco da vella e Xandro pola súa organización.

No hay comentarios: